Wednesday 15 de May de 2024

A Deputación da Coruña e Medio Rural estudan vías de colaboración para previr incendios e dinamizar o rural coruñés


O presidente provincial, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá co conselleiro de Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá no seu despacho da institución provincial co conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, para estudar posibles vías de colaboración e apoio aos concellos en materia de prevención e extinción de incendios e dinamización do rural coruñés.

Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, González Formoso destacou a “importancia estratéxica que para a Deputación ten apoiar o desenvolvemento social e económico do rural na provincia” e destacou a importancia de que “todas as administracións sumemos esforzos nun tema tan importante como a prevención e extinción de incendios”.

O conselleiro explicou iniciativas coma o convenio asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas aldeas. Este acordo permitiu a creación dun sistema público que traballa no acondicionamento e mellora das faixas de protección das vivendas, involucrando nestas tarefas tanto os propietarios das parcelas como os concellos, xa que esta limpeza compete aos propietarios e, de maneira subsidiaria, aos concellos.

Enfrontar a perda de poboación no rural

Ademais, José González subliñou neste encontro de traballo a posta en marcha da figura das aldeas modelo, no marco do devandito convenio, para dinamizar os núcleos rurais incentivando a actividade agrogandeira na súa contorna, ao tempo que se fai prevención fronte o lume.

González Formoso interesouse polos proxectos de aldea modelo e o seu funcionamento como unha experiencia piloto interesante para contribuír a impulsar a actividade económica e o emprego nos pequenos núcleos rurais, un aspecto no que tamén traballa a administración provincial con programas coma PEL-Rurinnova e PEL-Relevo, que cun investimento de 1 millón de euros, permiten pór en marcha proxectos empresariais e contratar a mozos e mozas que desexen quedarse no rural, contribuíndo así a enfrontar a perda de poboación nos municipios do rural coruñés.

Valentín González e José González coincidiron tamén na importancia que ten o traballo de prevención de incendios, a través da labor das brigadas municipais, e de dotar aos municipios de tractores e maquinaria axeitada para traballos de prevención que os concellos da provincia da Coruña poden financiar a través do Plan único e as entidades e asociacións a través das liñas de subvencións.

González Formoso agradeceu a visita do conselleiro e do director xeral de Defensa do Monte e mostrou a disposición do goberno provincial a colaborar naqueles proxectos de interese para xerar oportunidades no rural coruñés.